martes, 28 de septiembre de 2021

ESTREA INTERESTELAR NO OURENSE FILM FESTIVAL OUFF26: "POLAVISION" E "NON HAI FUTURO (OPUS V)"

 O 29 de setembro de 2021, na sala do Cineclube Padre Feijóo ('que gran apelido!), as 19:30 horas, o Ourense Film Festival, na súa XXVI edición, estreará, con película de 16 mm, as dúas últimas producións de IB Cinema: "Polavision, un fallo instántaneo", fita escrita e dirixida por Álex López, e "Non hai futuro (Opus V)", escrita e dirixida por Ignacio Benedeti. A sesión repetirase ao día seguinte, na mesma localización, pero en horario nocturno, as dez da noite.

Cartaz: Andrea Dominguez

POLAVISION: UN FALLO INSTANTÁNEO.

A película de cinema de revelado instantáneo foi un dos logros tecnolóxicos mais importantes do século XX. O documental "Polavision: un fallo instantáneo" describe o proceso Polaroid para Súper-8, con certas secuencias rodadas neste raro sistema de cor aditivo por primeira vez no século XXI. Filmado totalmente en Polavision e Súper-8, o positivo de exhibición é en 16 mm.

No documental de 22 minutos "Polavision: un fallo instantáneo",  Álex López non só  describe a historia deste sorprendente procedemento cinematográfico, con entrevistas a responsables do seu desenvolvemento en Estados Unidos, Austria e Inglaterra, senón que, inauditamente, certas secuencias están filmadas co propio sistema de cinema de Polaroid 'por primeira vez no século XXI!  

E desde onde se conseguiu este logro? Talvez, en Cambridge, Massachussetts, sede da Polaroid? Talvez en Viena, sede de Eumig? Non!!!: Álex realizou o seu documental neste final do Imperio Romano en que se atopa IB Cinema, na Coruña, un santuario de imaxinación entre unha refinería, unha fábrica de gas e un vertedoiro.

Un dos puntais do documental é o seu locución, do gran Santiago Fernández, "a voz de Galicia": nada sería igual sen o seu admirado timbre.

Máis información sobre "Polavision: un fallo instantáneo", en español, no seguinte vínculo: POLAVISION



NON HAI FUTURO (OPUS V)

O Opus V é a última entrega, e final, dunha "pentaloxía" fílmica sobre a crise económica española,  cos seus protagonistas vinculados ao mundo do cinema e relacionados entre sí:  todos eles morren, ou desaparecen,  fóra de Antonio Bermúdez, o protagonista do Opus V da serie.

O Opus V é,  en realidade, un documental camuflado. A través do protagonista, Antonio Bermúdez, alter ego do operador Marcos Fernández Eimil, reflicte os estertores, os momentos finais,  da distribución e exhibición do cinema en 35 mm en Galicia, con imaxes que, aínda que recentes, son xa historia: o último almacén cinematográfico de Coruña, o último transportista especializado en películas,  e ata a filmación das proxeccións cinematográficas , usando 35 mm, 16 e  super oito mm , que foron o último acto co que, en decembro de 2018, cerrou para sempre o Museo MACUF da Coruña.

Este Opus V está contado con tres voces, a do protagonista, Marcos, en primeira persoa, un narrador "intradiexético", amolado, e ata resentido, contra a dixitalización que acabou co seu mundo.

Outro narrador, en segunda persoa, "autodiexético", coa voz de Fernando Pujalte, irmán da gran María Pujalte, dálle a razón en todo a Marcos.

 Por último, un narrador en terceira persoa, "extradiexético", omnisciente, impersonal e imparcial, que o sabe todo sobre a técnica cinematográfica, coa voz de Alex, unha voz que foi todo un descubrimento.

Este documental dramatizado, como todos os da serie "Non hai futuro",  está narrado en clave de comedia… ´pero para a xente que nos gusta o cinema!, o de verdade, o fotoquímico, con película. Os do mundo dixital, talvez o atoparán un pouco "faltón".  Nada mais lonxe da nosa intención ofender a ninguén:  simplemente, o espectador ten que imbuírse na psiquis do protagonista, Antonio, cuxo mundo, o do cinema en película, fílmico, acábase.

A película foi rodada integramente en Súper-8, montada a man, cortando e pegando a película, e sonorizada cun magnetófono e proxector Eumig, e o positivo de exhibición é en 16 mm.

OURENSE FILM FESTIVAL

Sección Panorama de Galicia

Proxeccións no Cineclube Padre Feijóo

Mércores, 29, 19:30 horas

Xoves, 30, 22:00 horas

A produtora executiva Nena Pulido, coa Eumig Nautica de 24 f.p.s.


 



No hay comentarios:

Publicar un comentario