viernes, 3 de septiembre de 2021

VISIÓNS!: CLAUSURA DO CINEMA DE VERÁN 2021

Un verán mais, ¡e xa van 31!, IB CINEMA amenizou as xornadas vespertinas en vilas e parroquias galegas, cos nosos tradicionais programas de cinema ao aire libre, tanto para o noso principal cliente, a Deputación da Coruña, como para decenas de concellos que verán tras verán seguen confiando en nós.   Este ano, houbo unha programación moi especial, que pasará á historia do audiovisual en Galicia: ¡por primeira vez, fixemos unha proxección dunha longametraxe na paradísiaca Ila de Ons, o parque natural no que Zarauza rodou "Ons"!

Disparada por Marcos

Esta fin de semana, concluímos a programación estival con dúas producións galegas: "A galiña turuleca", "O que arde", e a francesa "Dios mío, pero qué te hicimos... ahora?"

Como cada ano por estas datas, celebramos a esperada comida de proxeccionistas, no Restaurante Taller La Artística, á beira de IB Cinema, ¡con polbo (pulpo) á galega e luras (calamares) frescas, como pratos principais!

Disparada por Álex

Só faltou Martin (que tiña un compromiso familiar ineludible), pero estamos o resto neste auto-retrato: tras de min, Alex (director de cinema, stopmotioner, entusiasta do fotoquímico... e estudante de informática); á súa dereita, Santiago Gayoso (quen, ademais, é músico, ¡e docente durante o curso escolar!), Alberto Abuín (crítico de cinema, guionista e ex xerente do lembrado Cine Riazor), Iván Iglesias (que é proxeccionista de IB Cinema desde hai 10 anos), Nena Pulido (en IB Cinema desde o principio dos tempos, diplomada en empresariais e programadora de cinema) e Marcos Javier Fdez. Eimil (que foi proxeccionista en todos os palacios do cinema coruñeses: Equitativa, Avenida, Riazor... ¡ata na sala X dos Chaplin!; Marcos, vinculado a IB Cinema desde hai 15 anos, é técnico de son e actor de reparto).

Nesta fotografía (disparada con negativo Kodak Portra 400), Alberto sostén unha botella coa súa elixir vital: Estrella Galicia, o único líquido que tolera o seu organismo.

¡Moitas grazas á Deputación da Coruña!, pola súa confianza un verán máis, e tamén a todos os concellos adscritos ao programa Visións!, así como aos concellos que nos contratan independentemente, como os benqueridos de Oleiros, Betanzos e Bueu, entre outros. 

¡Ata o verán que vén!, cunha actividade agradecida, formativa e sa, para toda a familia, como é o cinema ao aire libre, unha vivencia que  os mais pequenos da casa lembrarán para sempre.

Addendum: unha reportaxe completa sobre esta campaña de cinema aparecerá a final de setembro na revista internacional SilverGrain Classics, editada en Alemaña no moderno esperanto que é o inglés.




No hay comentarios:

Publicar un comentario